INEO - Xunta de Galicia : Presidencia : Secretaría Xeral de Política Lingüística
10/05/2010
As novas tecnoloxías falan galego
“O teu móbil en galego” é unha campaña de comunicación que xorde como unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración de Ineo. O obxectivo deste proxecto reside en achegarlle á cidadanía os recursos existentes en materia de telefonía móbil en lingua galega.
A promoción do uso do galego a través das novas tecnoloxías e, máis concretamente, no ámbito da telefonía móbil é o principal obxectivo polo que se creou este espazo na Rede para facilitarlles ás persoas interesadas toda a información relativa ás compañías que lles posibilitan aos seus clientes unha relación e un trato directo na lingua propia de Galicia.
O sitio web http://www.oteumobilengalego.com constitúe o soporte principal desta campaña de difusión e pretende converterse na páxina de referencia para calquera busca vinculada aos teléfonos móbiles e ao galego. Nesta web pódese atopar información detallada acerca das aplicacións na nosa lingua que os fabricantes incorporan aos terminais e tamén sobre os servizos de relación cos clientes que teñen as operadoras en galego. A isto engádese a posibilidade de descargar as últimas actualizacións dispoñibles en lingua galega para os diferentes modelos de teléfonos.
Ademais da web, a campaña compleméntase cunha serie de accións en liña encamiñadas a difundir e a promover esta iniciativa en internet, algunhas das cales están pensadas para propiciar a consulta na web oficial de calquera palabra relacionada cos móbiles en galego.